É ben sabido que o traballo forestal presenta múltiples desafíos, pero o verdadeiro reto reside en anticiparse a estes riscos e adoptar medidas preventivas que realmente marquen a diferenza. Industrias Guerra está presente nos montes galegos dende hai máis de 70 anos, o que a converte en testemuña directa das necesidades e dos avances do sector en cuestións relacionadas coa seguridade dos traballadores.
En Industrias Guerra enténdese que a seguridade non pode ser unha simple conformidade normativa; debe ser unha cultura arraigada en todos os aspectos do seu traballo. Por esta razón, a empresa foi máis aló na seguridade das súas máquinas e lograron a certificación CE conforme á normativa UNE-EN ISO 11850 na súa estrutura de protección contra impacto de obxectos (FOPS).
Trátase dunha certificación pioneira no sector a nivel nacional, para a que se realizaron análises e avaliacións detalladas do modelo EPC-03, utilizando o software PamCrash. Esta solución probou que a estrutura pode soportar a caída dun obxecto contundente dende unha altura suficiente para soportar unha enerxía de 11600J, seguindo o proceso indicado na Norma ISO 8083:2006 e UNE-EN ISO 3449:2008.
Para o ensaio frontal, rotaron a FOPS de maneira que a superficie de impacto fose perpendicular ao obxecto normalizado de ensaio, seguindo as indicacións das Normas armonizadas indicadas no ensaio da protección superior. Aínda que estas normas esixen unha enerxía de impacto de 5800 J, decidiron avaliar a estrutura para unha enerxía de 11600 J, duplicando así a esixencia e asegurando unha protección óptima en condicións extremas.
A importancia de adiantarse ao futuro
O traballo forestal require maquinaria que non só sexa eficiente, senón tamén segura fronte aos riscos inherentes do entorno. As condicións do monte galego, coa súa orografía complexa e os constantes cambios climáticos, esixen que os equipos estean preparados para soportar impactos e condicións adversas sen comprometer a seguridade dos operarios. As certificacións, como a UNE-EN ISO 11850, non son simplemente papeis; son un reflexo da dedicación á excelencia técnica e á protección dos traballadores. Unha máquina certificada é unha máquina na que se pode confiar plenamente, e isto é vital nun sector onde a marxe de erro pode ser mínima e as consecuencias, graves.
Ademais de cumprir coas normativas actuais, en Industrias Guerra están a anticiparse ás tendencias do mercado e ás esixencias futuras do sector forestal. Observaron que a homologación e certificación de maquinaria poderían converterse nun requisito imprescindible para acceder a determinadas axudas económicas para a adquisición de maquinaria forestal. Con isto en mente, traballan arreo para asegurar que as súas máquinas non só cumpran coas normativas actuais, senón que tamén estean preparadas para os estándares máis esixentes que poidan ser tidos en conta nun futuro próximo.