Dentro da súa aposta constante pola innovación e a optimización de procesos, Industrias Guerra presentará o luns 11 de decembro os resultados do proxecto ‘Xestión integrada e dixitalizada do proceso produtivo orientado á fabricación de guindastres e maquinaria forestal (Código proxecto 050_IN848D_2022)’. O orzamento desta iniciativa acadou os 199.500 euros, cunha axuda de 92.500 euros do programa InnovaPeme 2022, subvencionada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, nunha operación cofinanciada pola Unión Europea.

O obxectivo destas axudas é mellorar a capacidade de innovación das empresas galegas, a través do financiamento de actividades integradas en plans de innovación, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3 – Especialización Intelixente de Galicia.

O proxecto de Industrias Guerra deu lugar ás seguintes actuacións:

  • Desenvolvemento dunha pasarela PLM-ERP. Mentres que o software PLM toma como referencia os arquivos CAD para cada compoñente e produto, o software ERP comprende varios módulos para a planificación de recursos empresariais, entre eles o módulo MRP (Manufacturing Resource Planning), centrado na xestión da produción. A integración de ambos os dous sistemas (PLM e ERP) nunha pasarela dixitalizada permite unificar a xestión do ciclo de vida do produto a partir do seu deseño 3D (PLM, a partir de CAD) coa xestión do proceso, produción e recursos (ERP), axilizando o ritmo e a capacidade de produción, de xeito que cada sección do proceso conte cos materiais necesarios para a elaboración do produto final. A obtención automática da lista de materiais de produción MBOM permite a integración das ferramentas de deseño e xestión da produción.
  • Desenvolvemento dunha ferramenta DDMRP. A planificación da produción e xestión de compras son procesos críticos con impacto directo nos prazos de entrega. Ademais, pola diversidade de artigos e compoñentes que son necesarios para a fabricación de produtos en Industrias Guerra, dispoñer de ferramentas que permitan ter información de xeito automatizado para a xestión dos recursos, implica evitar roturas de stock que repercuten tanto no propio proceso de fabricación (ordes de fabricación paradas pendentes de pezas, espazos ocupados por fabricacións en curso, etc.), incorporación de ordes de produción por urxencia, etc., o que ten non só impacto na rendibilidade, senón tamén no nivel de satisfacción co servizo prestado pola organización aos seus clientes.
Proxecto InnovaPeme

Este proxecto é unha mostra máis do compromiso de Industrias Guerra coa innovación, nun esforzo por aumentar as súas capacidades produtivas, mellorar os procesos de fabricación e impulsar os seus plans de expansión internacional.

A presentación de resultados será realizada polo director técnico de Industrias Guerra, José Luis Mato Fernández, o luns 11 de decembro, ás 10:00 horas, a través da seguinte ligazón:

Acceso online a reunión de presentación de resultados