Os estaleiros VARD depositaron a súa confianza na tecnoloxía de Industrias Guerra para un proxecto pioneiro de construción de buques robotizados. A empresa galega ten prevista para este verán a entrega de oito guindastres hidráulicos que formarán parte do equipamento de cuberta destas embarcacións de última xeración.
Nas súas instalacións de Vard Vung Tau (Vietnam), VARD prepara para a empresa estadounidense Ocean Infinity un pedido de barcos teledirixidos que poderán ser controlados de forma remota desde terra. Os buques, de 78 metros de eslora, foron deseñados para reducir a súa pegada de carbono, a través do uso de combustibles de baixas emisións e fontes de enerxía renovables, nunha aposta por unha industria naval máis sostible, ecolóxica e segura.
Os guindastres de provisións que proporciona Industrias Guerra correspóndense co seu modelo M180E, dentro da súa serie M de guindastres pregables. Trátase de solucións con capacidade SWL 1,1T@11,8m, estrutura metalizada, tubos e látigos en aceiro inoxidable, que permiten xiro continuo e operación con radio control.
Desde Industrias Guerra valórase a participación neste proxecto como unha mostra da excelente reputación dos seus produtos no sector marítimo. “Estamos orgullosos de que VARD confíe nos nosos guindastres para un proxecto que supón un enorme salto para a industria naval”, explica Víctor Pintos, director xeral de Industrias Guerra. “Levamos máis de sete décadas fabricando produtos de alta calidade e encántanos que estaleiros tan avanzados como VARD pensen en nós para estes proxectos pioneiros”.
Industrias Guerra conta con preto de 8.000 guindastres en funcionamento en máis de 40 países e con máis de 70 anos de experiencia na fabricación de guindastres hidráulicos e maquinaria para distintos sectores.
VARD é un dos principais deseñadores e construtores de embarcacións especializadas a nivel global. Cun persoal de 8.000 empregados, VARD conta con tres instalacións de construción naval en Noruega, dúas en Rumania, unha en Brasil e unha en Vietnam. O principal accionista de VARD é a compañía italiana Fincantieri, un dos grupos de construción naval máis importantes do mundo.