Industrias Guerra, empresa especializada en maquinaria de elevación forestal e mariña, foi galardoada co Premio Peme do Ano 2024, outorgado pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e o Banco Santander, en colaboración coa Cámara de España e FARO DE VIGO.
Este recoñecemento destaca a traxectoria de máis de 70 anos da empresa, pioneira na produción de guindastres e maquinaria. Tras lograr expandirse a case corenta países e ter presenza nos 5 continentes, a compañía continúa xerando un gran impacto económico e social en Vila de Cruces e a Comarca do Deza, onde se atopan os seus centros produtivos dende a súa fundación.
O premio ten como obxectivo recoñecer o desempeño das pequenas e medianas empresas da provincia de Pontevedra, cuxa actividade é fundamental para a creación de riqueza e emprego. Industrias Guerra demostrou un compromiso constante coa innovación e a calidade, o que lle permitiu manterse á vangarda tanto no sector forestal como no mariño.
Ademais do Premio Pyme do Ano 2024 de Pontevedra, tamén se outorgaron accésits a Peter Taboada en Internacionalización, Gaictech en Innovación e Dixitalización, Central Lechera Galega en Formación e Emprego, e Afamsa en Empresa Sostible.
Industrias Guerra competirá agora polo Premio Nacional Pyme do Ano 2024, un certame que recoñece o traballo e esforzo das pequenas e medianas empresas a nivel nacional. O fallo do Premio Nacional coñecerase no primeiro trimestre do próximo ano 2025.