Industrias Guerra impulsa a súa expansión internacional coa apertura en Silleda dunha nova planta industrial de 2.500 metros cadrados. As novas instalacións permitirán á empresa contar cun almacén loxístico dixitalizado que funcionará como planta de almacenamento de subministracións para liña de montaxe. O proxecto supón un investimento de 1,25 millóns de euros e espérase que axude á creación de 11 novos postos de traballo.

A nova nave industrial de Silleda é un impulso importante para os plans de crecemento de Industrias Guerra, especializada no deseño, fabricación e montaxe de guindastres hidráulicos e maquinaria para o sector marítimo e a industria forestal.

O proxecto conta cunha subvención de 151.647,72 euros por parte do Ministerio de Facenda e Función Pública, un 11% do investimento total, como parte dunha iniciativa para a concesión de incentivos rexionais para a corrección de desequilibrios económicos interterritoriais e para o impulso de proxectos de investimento.

Industrias Guerra apostou para a construción da súa nova planta por unha política de contratación de proximidade, xa que o proxecto foi desenvolto de forma íntegra por empresas galegas, todas nun radio de menos de 50 quilómetros con respecto á súa sede principal en Vila de Cruces (Pontevedra).

En plena fase de expansión en mercados de Asia e América, o obxectivo da empresa é aumentar a súa capacidade de produción nun 25 por cento, no momento en que as novas instalacións, xa en funcionamento, estean en pleno rendemento no mes de setembro.

“Desde Vila de Cruces queremos competir con grandes multinacionais de todo o mundo”, explica Víctor Pintos, director xeral de Industrias Guerra, “e para iso apostamos pola innovación e pola mellora constante dos nosos produtos. Esta nova planta vai axudar a reducir os prazos de entrega e mellorar a nosa competitividade, a nosa produtividade e a nosa flexibilidade. É un paso máis para axudarnos a crecer, para chegar a máis países e para demostrar que desde Galicia tamén podemos competir”.

Industrias Guerra exporta actualmente un 65 por cento dos seus produtos, con presenza en cinco continentes e 40 países, entre os que destacan Arxentina, Chile, Corea do Sur, Estados Unidos, Francia, Xapón, Marrocos, México, Noruega, Portugal, Reino Unido, Tailandia ou Turquía.