Tras máis de tres décadas en mercados internacionais, Industrias Guerra segue a avanzar como líder en deseño e fabricación de guindastres para o sector marítimo coa incorporación de Regulus Marine como axente comercializador oficial en Turquía. Esta alianza estratéxica brinda novas oportunidades á empresa galega para continuar coa súa expansión.
Regulus Marine, recoñecido provedor de maquinaria marítima cunha experiencia de máis de 10 anos, é o novo aliado estratéxico de Industrias Guerra en Turquía, país no que a compañía ten xa unha ampla traxectoria. Esta nova aposta por este mercado clave no panorama internacional evidencia a súa gran capacidade para deseñar e fabricar guindastres hidráulicos de alta calidade para o sector marítimo.
Un socio sólido e experimentado
Ricardo Sánchez, director comercial de Industrias Guerra, asegura que “esta sinerxía é estratéxica para nós, porque nos permite seguir crecendo internacionalmente, coa confianza de contar cun socio local sólido e experimentado. Regulus Marine non só representa unha oportunidade para achegar a nosa tecnoloxía de última xeración a novos clientes, senón que tamén nos axuda á hora de brindar un asesoramento personalizado”.
Pola súa parte, Serkan Karaguc, CEO de Regulus, afirmou durante a súa visita ás instalacións de Industrias Guerra en Vila de Cruces que “é un fito para as dúas partes. A experiencia e a calidade dos seus produtos son indiscutibles, e estamos ansiosos por achegar estas solucións innovadoras aos clientes en Turquía. Xuntos estamos preparados para ofrecer un valor engadido e un servizo excepcional”.
Esta nova etapa da empresa galega no mercado turco fortalece o seu posicionamento global como fabricante de guindastres mariños coa última tecnoloxía. Ademais, a compañía estreita lazos cun territorio de grande importancia na industria da fabricación de barcos e consolida a súa estratexia de internacionalización.