Industrias Guerra continúa a súa aposta pola internacionalización dos seus produtos coa inauguración dunha nova sede en Arxentina, situada na localidade de Gobernador Virasoro, provincia de Corrientes. Desde alí impulsará cara a toda Latinoamérica a comercialización de solucións forestais e a asesoría técnica que leva realizando na súa sede en Buenos Aires desde hai máis de 30 anos.   

Esta segunda delegación de Industrias Guerra en Arxentina atópase nunha das rexións de maior potencial industrial do país. A súa apertura consolida a estratexia da empresa galega, que busca dar resposta eficiente á alta demanda de maquinaria forestal na zona, así como fortalecer a súa presenza en Chile, México, Colombia, Ecuador e tamén penetrar en Brasil.   

O acto de inauguración da nova sede en Gobernador Virasoro contou coa presenza de Víctor Pintos, director xeral de Industrias Guerra; Carina Tuñas, directora de Industrias Guerra Arxentina; Román Sánchez, representante da xunta de accionistas; e Brais Alonso, director de desenvolvemento de negocio forestal. Estes actuaron como anfitrións durante unha xornada na que se fixeron demostracións de funcionamento de maquinaria, entre outras actividades, ante máis de 80 invitados provenientes de diferentes países de Latinoamérica.    

“Contemplamos a apertura desta filial en Gobernador Virasoro como un fito na historia de Industrias Guerra”, asegurou Víctor Pintos: “Esta delegación permitiranos avanzar cara ao interior do territorio para consolidar e enriquecer a nosa relación co sector forestal arxentino. Aspiramos a que a nosa maquinaria siga sendo unha referencia para todos os que demandan tecnoloxía de alto rendemento ao servizo dunha industria forestal cada vez máis moderna”.   

Pola súa banda, Carina Tuñas declara que “actualmente a empresa conta cunha posición sólida no mercado arxentino, onde temos máis de 700 solucións forestais en funcionamento. A nosa visión é levar a nosa tecnoloxía avanzada a cada recuncho do país, contribuíndo así á creación de emprego en todas as provincias e ao desenvolvemento dun sector clave para a economía arxentina”.   

Esta expansión marca un capítulo significativo na traxectoria de Industrias Guerra, cuxa visión e compromiso coa excelencia no ámbito forestal foron piares fundamentais do seu éxito de máis de tres décadas en Arxentina. A empresa posiciónase agora como un actor chave no desenvolvemento sostible da rexión, consolidando a súa reputación como referente na industria latinoamericana.