O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, visitou esta mañá as instalacións de Industrias Guerra en Vila de Cruces (Pontevedra), con motivo da resolución das axudas da Xunta de Galicia dedicadas ao investimento en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos deste sector.

O encontro posiciona a Industrias Guerra como actor fundamental para dar resposta á alta demanda de maquinaria que xerará esta liña de axudas no sector. Isto é posible grazas á estratexia de crecemento que a compañía puxo en marcha nos últimos anos, na que se engloban a inauguración da nova planta industrial en Silleda, o aumento das súas capacidades produtivas, a dixitalización de procesos e o seu sistema de control de stock. Todo iso co obxectivo de responder de forma eficiente e satisfactoria ás esixencias do mercado nacional e internacional.

O investimento público e privado mobilizaron ao redor de 48 millóns de euros para estas axudas, das que serán beneficiarias 150 pequenas e medianas empresas da comunidade galega dedicadas á industria forestal e ao contract. Con iso, desde a Xunta de Galicia búscase consolidar o sector e impulsar a implantación de novas tecnoloxías que permitan o avance da industria madeireira ao longo de toda a cadea produtiva.

Esta liña de axudas fortalecerá a posición de Industrias Guerra nun ámbito global polas súas capacidades produtivas, consolidándoa como referente para a industria forestal, con presenza en máis de 40 países de cinco continentes. Actualmente, cunha facturación anual de 18 millóns de euros e cunha exportación que supera o 60%, Industrias Guerra é unha peza clave no tecido empresarial galego.